A Asociación

Quen somos?

A asociación Bolboretas Vermellas xurde da iniciativa dun grupo de mozos/as vencellados a Vilar de Santos. Namorados da súa terra, a súa flora e a súa fauna, decidimos intentar o noso gran de area para o impulso e difusión deste entorno único, a través da creación dun colectivo sociocultural capaz de dinamizar o Albergue Municipal “A Escola”. O noso obxectivo é ofrecer a persoas de todas as idades un recurso mediambiental, educativo, cultural, lúdico e social.

Por medio de encontros, obradoiros e todo tipo de actividades, queremos amosaar a diversidade e beleza da Limia, á vez que promover un tipo de relación co medioambiente, respectuosa co patrimomio cultural e natural do territorio e a súa xente. Deste xeito, pretendemos contribuir á recuperación do medio rural tratando de rachar a fenda entre campo e cidade, colaborando á sensiblización e reflexión colectivas entre persoas que proveñan de diferentes entornos.

Para isto propuxémonos traer a esta pequena aldea de Ourense diversas actividades e encontros internacionais, tecendo redes con asociacións de varios países europeos. Con este impulso, lanzámonos á configuración do Centro de Desenvolvemento Xuvenil Europeos en colaboración con asociacións de Francia, Italia, Turquía e Xeorxia. Este centro de desenvolvemento permitirá a mozos/as da zona aprender línguas, viaxar e coñecer outras realidades.

Ademáis das nosas propias actividades, ofrecemos as instalacións do Albergue Municipal “A Escola” para a realización de cursos, xornadas, encontros e convivencias para grupos, asociacións e colectivos, sen con iso minguar a oferta lúdica do propio albergue e entorno a persoas individuais.

 Apostamos por actividades de carácter ambiental, humanista e pedagóxico que favorezan un aprendizaxe e unha educación máis enriquecedora, creativa, consciente e responsable.